Thursday 16 de May de 2024

Feijóo subliña que en 25 anos a Xunta foi quen de duplicar o Servizo Galego de Saúde e facelo o dobre de eficiente


Salienta que “foron 25 anos de éxito, dun traballo profesional enorme que hoxe nos permite facer un cuarto de século co deber cumprido”. Neste momento, “temos unha sanidade pública en Galicia moitísimo mellor da que podiamos soñar hai 25 anos”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que nos 25 anos transcorridos desde que lle foron transferidas á Comunidade as competencias do Insalud, a Xunta foi quen de duplicar o Servizo Galego de Saúde e de facelo o dobre de eficiente, con maior capacidade, máis medios e o dobre de recursos humanos. Así o manifestou no ‘Acto de Recoñecemento de Transferencia Sanitaria a Galicia: 25 años da transferencia do Insalud á Comunidade Autónoma de Galicia’.

O mandatario galego sinalou que “foron 25 anos de éxito, dun traballo profesional enorme que hoxe nos permite facer un cuarto de século co deber cumprido”. Neste momento, engadiu “temos unha sanidade pública en Galicia moitísimo mellor da que podiamos soñar hai 25 anos”.

Feijóo apuntou, así, como foron medrando as infraestruturas do Sergas ao longo deste período, cando a Galicia lle foran transferidos 19 hospitais. Desde entón, dixo, a Comunidade conta xa con 7 novos centros hospitalarios. Tres deles en Santiago, Lugo e Vigo; xunto a catro novos hospitais comarcais: o do Barbanza, o Salnés, o de Cee e o Verín. Finalizouse tamén o hospital do Meixoeiro e neste momento, precisou, está previsto a construción dun novo hospital en Pontevedra, estase ampliando e remodelando o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o Hospital de Ourense, e case nun terzo o Hospital da Mariña, en Burela, e o Hospital do Salnés.

Cifrou tamén o número de quirófanos, que pasou de ser de 84 aos 255 actuais; e igualmente, o cadro de persoal, que de 19.000 profesionais pasou a máis de 36.000 traballadores.
Canto aos centros de saúde, afirmou que se multiplicaron por sete, pasando de 71 a 483, contado os 90 PAC, que actualmente están repartidos por todo o territorio de Galicia. Xunto con isto, mencionou a creación do Centro de Transfusión de Galicia como outro dos fitos acadados nestes 25 anos e, ademais, recoñeceu que Galicia conseguiu equiparar e incluso superar a media de gasto por habitante ao conxunto do Estado. Actualmente, dixo, a media de gasto por habitante en España está en 1.162 euros por habitante, mentres que Galicia está a investir 1.241 euros de media por habitante.

Estes 25 anos transcorridos, engadiu, foron unha etapa na que defender que a sanidade fose o orzamento que menos diminución tivese durante os oito anos de recesión económica. E foron unha etapa na que se conseguiu estender a receita electrónica e o expediente electrónico practicamente ao 100 por cento dos galegos. Aprobar unha Lei de garantías sanitarias para establecer legalmente prazos e dereitos para os pacientes. Elaborar un Catálogo de medicamentos. Que un dos hospitais do Sergas, o CHUAC, fose en 2015 o centro hospitalario que realizou máis transplantes. E, do mesmo xeito, seguir modernizando as infraestruturas.

Facer un novo Sergas desde o punto de vista das infraestruturas
Nesta liña, asegurou que ademais dos 20 centros de saúde construídos ata o de agora, 14 máis están en proceso de construción. Ao igual que se vai seguir coa ampliación do Hospital da Coruña, o de Ourense, o do Salnés, para nas vindeiras semanas adxudicar o Hospital da Costa e empezar este ano o Plan director do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.

Como outro dos logros acadados mencionou o feito de implantar a radioterapia e a medicina nuclear naqueles centros onde non había, cos programas Innova Saúde o Hospital 2050; e de ser quen de comprometer 75 millóns de euros na renovación do equipo tecnolóxico do Sergas. En plena recesión económica, apuntou, apostouse por “renovar os aceleradores liñais, as resonancias nucleares magnéticas os TAC, e os mamógrafos”. E, por outra banda, referiuse aos novos sistemas de organización como o das Áreas de Xestión Integradas ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, que integra o Centro de Transfusión de Galicia e a Oficina de Coordinación de Transplantes.

Agora, proseguiu, o fito actual será facer un novo Sergas desde o punto de vista das infraestruturas porque “o 70 por cento dos galegos na súa áreas sanitaria terán neste ano un hospital novo ou renovado ou un centro de saúde novo”, subliñou.